jueves, 2 de diciembre de 2010



O proxecto da USC ‘Biodiversidade e Cinema’ promove entre os estudantes de secundaria e Bacharelato de toda Galicia o respecto polos espazos naturais
Douscentos alumnos de secundaria e Bacharelato de toda Galicia participaron nun concurso organizado polo proxecto que coordina a profesora da USC Laura Sánchez Piñón
Actualizada: 30-11-2010 13:07
Comparte esta noticia en Chuza! Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
É necesario conservar os espazos naturais, da mesma maneira que é necesario que a sociedade tome conciencia diso. A partir desta idea o proxecto da USC ‘Biodiversidade e Cinema’ acaba de facer público o ditame dun concurso dirixido a alumnos de ESO e Bacharelato de toda Galicia co fin traballar a prol deste proceso. Participaron nesta convocatoria preto de 200 alumnos galegos con 29 traballos nos que se analiza o tratamento da biodiversidade en películas como El oso, Avatar, Gorilas en la niebla, The Cove e Parque Xurásico.

Dirixido pola catedrática Laura Sánchez Piñón e financiado pola Dirección Xeral de I+D+i, o proxecto atópase entre as actividades impulsadas co gallo da celebración do Ano Internacional da Biodiversidade declarado pola Unesco.

O xurado, presidido polo catedrático de Xenética da USC Gonzalo Álvarez Jurado acordou conceder por unanimidade o primeiro premio ao grupo ‘Loitadores pola Biodiversidade’ que coordinou o profesor Luis Alberto Sanmartín Bienzobas do IES A Xunqueira 2 de Pontevedra. No traballo, realizaron unha comparación entre o tratamento da biodiversidade nas películas El libro de la selva e The Road.

O segundo premio correspondeu ao grupo de alumnos ‘Os Na’vi’ do IES Sofía Casanova de Ferrol, baixo a coordinación da docente María Isabel Díaz Soto. Esta proposta ofrece un informativo con noticias da biodiversidade dirixido por un dos personaxes da película Avatar.

Finalmente, o terceiro premio recaeu no grupo ‘Biotopo’, coordinado polo profesor Alberto Rodríguez Rogina, do IES Rosalía de Castro, e en ‘VIP’, a cargo de María Jesús Méndez Álvarez e María Luz Ballón, do IES Lucus Augusti de Lugo. O primeiro destes traballos consiste nunha revista dixital mentres que o segundo é unha presentación en Power Point cun alto valor científico.

O xurado integrado por persoeiros dos eidos da investigación, a docencia universitaria e non Universitaria, e o cinema en Galicia, destacou moi especialmente a calidade dos traballos presentados así como o rigor científico dos mesmos e o esforzo e enxeño amosado polos alumnos participantes. Ademais, valoraron a diversidade de formatos nos que se presentaron as propostas, abranguendo dende presentación de diapositivas ata auténticas animacións cinematográficas.

Agora, os traballos premiados distribuiranse entre os centros de ensino secundaria da comunidade galega para que todo o profesorado de ESO e bacharelato dispoñan dunha ferramenta pedagóxica máis na que a biodiversidade é vista e exposta a través do traballo e a visión dos alumnos destes niveis educativos.

(Para acadar máis información sobre o concurso e os proxectos premiados, as persoas interesadas poden dirixirse á páxina web www.biodiversidadeecinema.org.

Replicación do ADN